Thursday 02 de May de 2024

Os concellos defenderán este mércores o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal perante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO


O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal terá na mañá deste mércores unha nova cita decisiva para poder acceder ao ansiado distintivo Global Geopark. A partir das 10.00 h está previsto que comece o encontro por videoconferencia no que se deberá defender a proposta perante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, entidade dependente da AECID encargada de elixir cales serán as dúas candidaturas que, como máximo, se remitirán ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques para a súa avaliación. En 2020 este organismo optou por deixar deserta a convocatoria, que neste 2021 contará con catro das cinco aspirantes que achegaron no seu momento as declaracións de interese en participar no proceso. Canda ao do Cabo Ortegal -que será presentado polo presidente da asociación xestora e alcalde de Valdoviño, Alberto González- este mércores tamén volven concorrer as propostas cántabras da Costa Quebrada e Valles de Cantabria, ademais do proxecto de xeoparque de La Rioja. A nosa zona volverá argumentar como principais valores un patrimonio xeolóxico único e exclusivo e un plan de desenvolvemento que este ano se redefiniu con accións máis concretas sobre o territorio, ademais de incorporar as recomendacións formuladas o ano pasado pola Comisión estatal.

O rexedor de Valdoviño estará acompañado na Casa da Cultura durante a presentación telemática polo coordinador da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, Ignacio Fernández, polo seu director técnico, Francisco Canosa, por María Mesías -membro do equipo redactor- e polos alcaldes e a alcaldesa dos outros seis municipios promotores do proxecto: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira e San Sadurniño.

A cita consistirá nun repaso condensado en tan só 15 minutos da documentación técnica que xa se lle remitíu hai unhas semanas á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e que, a grandes trazos, recolle tanto as referencias á exclusividade xeolóxica do territorio -factor indispensable para ser xeoparque- como o traballo de desenvolvemento socioeconómico, turístico, cultural, científico e educativo, reflectido en accións concretas que xa se están levando a cabo ou que se pretenden impulsar en todo o ámbito do proxecto.

A presentación deste mércores, que comezará pouco despois das 10.00 h, cargará máis as tintas neste último apartado, habida conta de que o valor xeolóxico xa conta co aval de numerosos estudos científicos nos que se destaca a zona como o principal afloramento mundial de ecloxitas -rochas que habitualmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade-, ademais de reunir en pouco máis de 600 Km2 máis dun cento de lugares de interese xeolóxico dos que polo menos seis teñen a cualificación de Geosite pola súa relevancia internacional.

No tocante ao desenvolvemento, a proposta que se defenderá perante a Comisión estatal refíxose en boa parte con respecto á do ano pasado dándolle maior protagonismo á estratexia e á descrición do proxecto como resultado dun traballo coordinado con outras Administracións que, ademais, persegue a máxima implicación e identificación social co que significa. De feito, o plan de desenvolvemento territorial -e as accións que xa están en práctica- é o aspecto que máis pesa para obter o informe favorable da Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, como paso previo á avaliación por parte do Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, organismo con sede en París que ten a última palabra á hora de conceder o distintivo Global Geopark.

Cómpre ter en conta que cada país só pode propoñer como máximo dúas candidaturas (ou ningunha, como ocorreu en 2020). Este ano, segundo parece, hai catro aspirantes: o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal e os outros dous que tamén se postularon en 2020 desde Cantabria: Costa Quebrada e Valles de Cantabria. O cuarto proxecto que tamén presentará este mércores o seu traballo é o proxecto do xeoparque de La Rioja.